O Foro Enerxético de Galicia reivindica a xestión enerxética das instalacións

O Foro Enerxético de Galicia ven de reclamar a xestión enerxética das instalacións dos edificios, para avanzar cara a unha sociedade descarbonizada e minimizar os custes económicos asociados ao consumos de enerxía.

A xestión enerxética é unha disciplina moi ampla que inclúe a aplicación de ferramentas de xestión empresarial (control de custes, análise das inversións, ofimática, recursos humanos....), de xestión da calidade (ISO 9.000, ISO 55.000 ou ISO 26.000), a realización de tarefas de mantemento (preventivo, correctivo ou mellorativo) e a realización de novas instalacións e modificacións das existentes.

O Foro Enerxético de Galicia quere reivindicar que o mantemento das instalacións non é un tema voluntario, a Lei 21/1992, do 16 de xullo, de Industria obriga a que tódalas instalacións dos edificios (electricidade en alta e baixa tensión, calefacción, refrixeración, ascensores, petrolíferas, gases combustibles...) cumpran tódolos requisitos de operación, entre os que se atopan o estrito cumprimento dos prazos de inspección e revisións; no caso da prevención da lexionelose é a normativa sanitaria a que esixe a realización de tarefas preventivas.

No caso das actuacións integrais (implantación de tecnoloxías renovables ou medidas de eficiencia enerxética) é preciso realizar a análise técnica, asegurando a viabilidade da instalación, así como un estudio económico que garanta un investimento seguro e un período de retorno razoable.

Para acadar a excelencia no funcionamento das instalacións é preciso que a xestión enerxética sexa liderada por un profesional universitario coas competencias recoñecidas, que coordine un equipo de traballo formado por técnicos e operarios que colaboren con eeste. É importante o cumprimento deste organigrama para evita-la xestión por persoal e o intrusismo profesional.

Dende o Foro Enerxético de Galicia se quere chamar a atención a empresas e administracións públicas para que cumpran os requisitos legais en canto ao funcionamento das instalacións, poñendo ademais en valor que a excelencia na xestión enerxética garante unha vida útil máis longa, maior rendemento das mesmas e un funcionamento seguro.

Comentarios