Acto de constitución do Foro Enerxético de Galicia

O venres 15 de setembro de 2017 constituiuse en Santiago de Compostela o Foro Enerxético de Galicia, unha iniciativa que pretende impulsar o debate sectorial na nosa Comunidade Autónoma, así como lanzar propostas para a mellora das infraestruturas enerxéticas, a posta en valor da innovación e o coñecemento sobre un sector no que Galicia é lider a nivel nacional e contribuir a alcanzar o obxectivo que o 20% do P.I.B. galego proveña do sector industrial.

Este Foro está impulsado polo Comité de Redacción da Revista gallega de energía Dínamo-Técnica, unha publicación de periodicidade semestral que naceu en 1999 e actualmente é a única revista especializada que se edita na Comunidade Autónoma. O Foro é unha iniciativa non oficial e independente, que non está vinculada a ningunha administración pública, organismo empresarial ou grupo de interese.

O Foro Enerxético de Galicia está composto por profesionais de recoñecido prestixio no sector da enerxía en Galicia. Entre os seus membros fundadores figuran Oriol Sarmiento Díez (Decano do Colegio Oficial de Ingenieros Industriales de Galicia), Carlos Rivas Pereda (doutor enxeñeiro e especialista en I+D), Ernesto Rodríguez Blanco (enxeñeiro industrial especializado en enerxía eólica), Javier Basanta García (enxeñeiro técnico industrial especialista en mantemento de instalacións) José Mouriño Díaz (enxeñeiro técnico industrial especializado en biomasa e climatización) e Diego Gómez Díaz (doutor enxeñeiro químico e profesor do Departamento de Enxeñería Química da USC). O voceiro deste grupo é Fernando Blanco Silva (enxeñeiro industrial e doutor en desenvolvemento sostible).