Foro Enerxético de Galicia aposta pola xeración de enerxía procedente do mar

O Foro Enerxético de Galicia ven de reunirse en Santiago de Compostela o pasado venres 14 de setembro, nunha sesión ordinaria, sendo o seu fin a análise das diferentes tecnoloxías de aproveitamento das enerxías mariñas como novas fontes de produción de enerxía eléctrica renovable, limpa e non contaminante, que contan cun enorme potencial de aproveitamento na costa de Galicia, cumprindo os requisitos para unha transición enerxética sen emisións de gases de efecto invernadoiro e representan unha clara oportunidade xeradora de emprego de calidade.

Na súa reunión os participantes do Foro chegaron á conclusión que os 1.500 quilómetros de costa dos que dispón Galicia, son un extraordinario laboratorio para a realización de proxectos experimentais para a avaliación dunha futura implantación de tecnoloxías de xeración eléctrica a partir do potencial enerxético dispoñible no mar, actividades con alto valor engadido, ó igual que xa o fai Portugal preto das nosas costas (co proxecto Atlántico WindFloat, na zona de Viana do Castelo). Se ben algunhas tecnoloxías como a eólica offshore xa son competitivas, outras aínda se atopan en fase de investigación, desenvolvemento e mellora tecnolóxica, o que implica oportunidades de posicionamento estratéxico neste sector de cara a súa consolidación empresarial e contribución futura ao desenvolvemento industrial da Comunidade Autónoma.

No sector da tecnoloxía eólica offshore o Foro destaca a fabricación de compoñentes realizada en Galicia e que na actualidade se exporta a parques eólicos offshore no norte de Europa (Proxecto Wikinger de fabricación de jackets en Navantia – Ferrol), aproveitando a amplia experiencia dos enxeñeiros galegos nun sector no que Galicia é líder en coñecemento a nivel mundial. A maior traba nas costas galegas é o rápido incremento da profundidade da plataforma marítima nas nosas costas, aínda que o abaratamento da tecnoloxía offshore e a rebaixa dos custos das zapatas flotantes posibilitarán que os aeroxeradores mariños sexan viables no futuro, aínda que sería preciso modificar os sistemas de retribución valorando a ampla produción anual das costas.

No eido das tecnoloxías de aproveitamento das olas (undimotriz), das correntes mariñas ou da mareomotérmica, Galicia dispón de excepcionais ubicacións para a realización de proxectos experimentais, que poden supor importantes avances a nivel mundial e elevados beneficios a medio prazo para as empresas da Comunidade Autónoma, por ser moi elevada a taxa de reinversión. Neste campo, o Foro destaca o proxecto Magallanes Renovables ou o programa Life Demowave, que utilizan aproveitan o potencial e as boas condicións das costas de Galicia para desenvolver prototipos emblemáticos.

Comentarios