Foro Enerxético defende unha aposta polo autoconsumo en Galicia

O Foro Enerxético de Galicia reuniuse o pasado 15 de marzo en Santiago de Compostela, co fin de facer unha chamada a administracións e empresas galegas por un pacto a favor do autoconsumo como elemento tractor da sustentabilidade e mellora do sistema enerxético de Galicia.

O Foro chegou á conclusión de que é imprescindible unha aposta clara por un modelo distribuído, eficiente e mais sostible mediante o autoconsumo; para acadar este cambio é preciso o coñecemento en temas como a produción de enerxía utilizando tecnoloxías renovables, as redes eléctricas intelixentes e a aplicación da eficiencia enerxética na manufactura industrial ou nos fogares.

Tras varios anos de incerteza o autoconsumo deu un gran paso no ano 2018. Este é un camiño que imparable, xa que as consignas europeas son claras; neste contexto a I+D+i no sector enerxético é un camiño necesario dentro dun campo moi prometedor e atractivo pola elevada tasa de retorno e un efecto sostible dentro da estrutura produtiva de Galicia.

Outra das avantaxes é o incremento da competitividade das nosas empresas, debido a que se trata dun eido no que a exportación de coñecemento pode supor elevados ingresos para as empresas da Comunidade como aconteceu no sector eólico a principios deste século XXI.

As medidas directas para impulsar o I+D no sector enerxético serían, entre outras, incrementar a colaboración público-privada, e o impulso por parte das administracións e das empresas para a creación dun centro tecnolóxico adicado ás enerxías renovables e as redes distribuidas, a semellanza dos existentes noutras comunidades como Navarra, Andalucía ou Murcia. Tamén é precisa a execución de proxectos singulares das novas tecnoloxías de xeración e almacenamento, como é o caso do hidróxeno, a distribución e o autoconsumo.

En caso de aplicarse as medidas de apoio á innovación, desenvolvemento e investigación no sector enerxético de autoconsumo contribuirían a crear e consolidar tecido empresarial en Galicia e desta maneira acadar o obxectivo do 20% da produción industrial no Produto Interior Bruto.

Comentarios