Foro Enerxético reivindica a creación dun centro tecnolóxico de enerxías do mar en Ferrol

Os membros do Foro Enerxético de Galicia, despois da reunión celebrada en Ferrol o pasado 12 de setembro de 2019, reivindican a creación en Ferrol dun Centro Tecnolóxico que investigue sobre enerxías mariñas e enerxía eólica offshore, promovido polas administracións públicas (Goberno de España, Xunta de Galicia, Deputación e Concello) xunto ás empresas do sector naval e enerxético de Galicia.

O Foro Enerxético de Galicia ten reivindicado a implantación deste Centro Tecnolóxico dende hai bastante tempo na comunidade galega, e despois de realizar unha análise das posibles localizacións do mesmo vimos de considerar que Ferrol é o punto máis axeitado para esta infraestrutura polos seguintes motivos:

  • Existe unha infraestrutura como o edificio Centro de Investigación e Servizos da Cabana, que podería albergar inicialmente as actividades, sen precisar dun gasto elevado inmediato. Este edificio está á beira do mar e comunicado con este.
  • A comarca de Ferrolterra dispón dunha ampla liña de costa, polo que non se precisarían grandes desprazamentos para a reprodución das condicións reais de mareas, ondas, ventos..., xa que nunha contorna inmediata existen punto moi heteroxéneos, dende un fondo de ría tranquila a praias de mar aberto. Adicionalmente a proximidade do Porto Exterior de Punta Langosteira, na Coruña supón unha extraordinaria oportunidade para darlle valor a esta infraestrutura.
  • Existe unha infraestrutura de investigación moi consolidada. As escolas de enxeñería de Esteiro e Serantes, os graos universitarios e másteres de enxeñería eléctrica, enxeñería industrial, enxeñería naval e enerxías renovables son referentes nacionais en docencia; tamén son importantes os departamentos e grupos universitarios que están a investigar nestes eidos e existe unha infraestrutura de referencia como o Canal de Experiencias Hidrodinámicas do Campus de Esteiro.
  • O know how neste tipo de instalacións adquirido durante os últimos anos por parte das factorías de Navantia en Fene e Ferrol.
  • A comarca de Ferrolterra dispón dunha potente infraestrutura de empresas auxiliares, servizos de enxeñería e un sector empresarial centrado neste tipo de tecnoloxías.
  • A implantación dun centro deste tipo suporía o incremento nos postos de traballo directos e indirectos e a fixación de residentes na comarca de Ferrolterra.

Comentarios