Foro Enerxético de Galicia plantexa os profundos cambios estructurais na economía debido ao coronavirus

Durante estas semanas de confinamento, o Foro Enerxético de Galicia estivo a manter reunións co fin de analizar os cambios que esta crise sanitaria está a provocar na sociedade, en particular no contorno do ámbito empresarial. O Foro ven de concluír que estes cambios centraranse en tres liñas, como son a promoción do teletraballo, os cambios nos patróns de consumo de enerxía e a automatización masiva de tarefas, prescindindo en parte da man de obra tradicional. O Foro tamén analizou as tecnoloxías renovables, que durante os derradeiros anos tiveron unha implantación masiva a nivel mundial, considerando que é factible que se paralice este auxe.

As empresas van a ver o teletraballo como unha opción real para os seus traballadores, en particular as avantaxes respecto da presencialidade. O teletraballo transfire os custos aos domicilios dos traballadores (electricidade, gas, auga...), redundando nun aforro importante de enerxía e evitará o consumo de carburantes (gasóleo e gasolina).

Outro cambio nos próximos anos é a automatización de tarefas, despois de demostrarse que a man de obra é un punto crítico nos procesos de produción. Nesta nova situación, as empresas que estean mellor preparadas para evitar a repentina falta dos traballadores serán as mellor preparadas, é dicir aquelas con menor dependencia do traballo directo.

Respecto da evolución das tecnoloxías nos próximos anos, o Foro considera que a evolución tecnolóxica se ralentizará como consecuencia desta crise de Coronavirus en tres liñas principais:

- É previsible que os gobernos freen os seus esforzos económicos para promover este tipo de tecnoloxía.

- Haberá unha desaceleración no desenvolvemento tecnolóxico do vehículo eléctrico e non se acadarán os obxectivos para 2021.

- Freo na implantación de enerxía eólica e fotovoltaica por problemas de subministración e de traballo para realizar estes traballos. Isto notarase en todos os niveis, Unión Europea, España e Galicia.

Non obstante, as tecnoloxías de autoconsumo e xeración distribuída teñen unha aplicación interesante na mellora da seguridade da subministración, xa que melloran a garantía en comparación coas instalacións convencionais, que dependen de redes externas.

Foto: reunión online mantida o 17/03/2020

Comentarios