Foro Enerxético aposta pola mellora da calidade da subministración eléctrica nas zonas rurais

Na sesión do Foro celebrada o pasado venres 28 de xuño, este analizou as características da subministración eléctrica no ámbito rural chegando á conclusión que é precisa a mellora das condicións de subministración, como unha medida para impulsar a actividade económica no rural, mellorar as condicións de vida e fixar poboación, pedindo ás administracións públicas e empresas subministradoras especial sensibilidade con este entorno polo significado que ten para Galicia. Actuou como poñente Jesús Castro Lozano, membro do Foro e Director da Fundación Axencia Enerxética da Provincia da Coruña (FAEPAC), dependente da Deputación Provincial.

Aínda que nas últimas décadas se realizou un importante esforzo por parte das administracións públicas e empresas distribuidoras, a orografía e a dispersión poboacional esixen nalgúns casos investimentos elevados que poden chegar a ser disuasorios tanto para fixar poboación como para o emprendemento empresarial; aínda existen puntos nos que o novo usuario debe asumir custes de miles de € para unha nova acometida; ademais nas zonas rurais a calidade é habitualmente inferior á das cidades en canto a caídas de tensión, potencia dispoñible ou harmónicos. O Foro tamén quixo suliñar que o entorno rural ofrece interesantes posibilidades na transición enerxética como as instalacións de autoconsumo, o almacenamento de enerxía fotovoltaica e minieólica, o uso de vehículos eléctricos ou as redes distribuídas de enerxía.

Comentarios