O Foro Enerxético de Galicia celebra a imprantación do Centro en I+D de enerxías do mar en Ferrol


O Foro Enerxético de Galicia traslada a súa satisfacción pola votación celebrada no Parlamento de Galicia para a posta en marcha do centro de investigación en enerxía mariña en Ferrol que o Foro ven reclamando dende 2019. Este acordo foi alcanzado por unanimidade das forzas parlamentarias (PPdG, PSdG e BNG) e aproba a posta en marcha dun polo tecnolóxico de referencia internacional que investigue tanto a enerxía do mar (eólica mariña, undimotriz, mareomotriz...) como o almacenamento de enerxía.

O centro de I+D do mar é unha vella demanda do Foro Enerxético de Galicia, que xa celebrou en 2019 un encontro no Campus de Ferrol, destacando a excelencia da cidade para albergar dito centro. A un tecido social moi vinculado ao sector enerxético e mariño (empresas, escolas universitarias de grao en enxeñaría naval e industrial, grupos de investigación de renome internacional, Centro de Investigación e Servizos da Cabana...) súmase un entorno natural ideal, pois en menos de dez quilómetros atópanse praias de augas tranquilas na Ría como o mar bravo de Doniños ou unha costa salvaxe na Palma.

O Foro Enerxético de Galicia é unha iniciativa independente fundada en 2017 que ten como obxectivo reunir expertos do sector na Comunidade Autónoma e lanzar propostas de mellora de infraestruturas ás administracións públicas, ao tecido empresarial e á sociedade galega en xeral. O Foro é unha iniciativa non vinculada a ningunha administración pública, organización empresarial ou grupo de interese.

Comentarios